O Roteiro Canido en nomes hoxe puido celebrar unha nova ruta guiada pola historia das rúas e toponimos do Barrio Alto.
O proxecto promovido pola AV de Canido, Muiño do Vento e Ferrolterra Antiga, que conta coa colaboración da Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol e cuxa información pode consultarse na web www.canidoennomes.eu e a través dos 2000 folletos impresos polo concello dispoñibles nas oficinas de turismo,tivo hoxe unha ruta especial no tren turístico do Concello.
O ROTEIRO NO TREN
Durante algo máis de 50 minutos os 47 participantes que se inscribiron na xornada (entre eles a Concelleira Eva Martinez Montero) recorreron no tren turístico cedido pola Concellería de Turismo as rúas do Barrio alto ferroán. Grazas ó roteiro e a través dos relatos levados a cabo polos historiadores de Ferrolterra Antiga os participantes coñeceron un pouco máis da historia do barrio de Canido.
Os relatos foron intercalados con diferentes músicas relacionadas co Barrio: asi soaban esta mañá gravacións do gaiteiro Antón Varela, versións na voz de Lucía Pérez de temas do canidiense Andrés do Barro, e a “Canción de Canido” con letra de Antón Cortizas, música de Joaquín Enríquez e a voz de Rocío Rodríguez.