Concello e entidades desenvolven un plan para recuperar a historia de Canido e difundila a través dunha ruta con códigos QR

martes, 22 de marzo de 2022

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presentou esta mañá ‘Canido en Nomes’ e a web https://canidoennomes.eu acompañada por representantes de entidades do barrio. Partiu dun estudo da historia, patrimonio e evolución urbanística de Canido a través dos seus topónimos e memoria veciñal


Concello e entidades desenvolven un plan para recuperar a historia de Canido e difundila a través dunha ruta con códigos QR

O Concello de Ferrol presentou esta mañá o proxecto ‘Canido en Nomes’, unha iniciativa municipal en colaboración con entidades do barrio cuxo fin é recuperar a historia de Canido a través do estudo do seu patrimonio, da súa evolución urbanística e toponimia e a memoria e testemuños dos seus veciños. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, deu a coñecer os detalles do proxecto acompañada por Esther Estévez, da asociación Muíño do Vento; Joaquín Enriquez, da asociación de acordeonistas de Canido-Ferrol; Antonio Casal, da asociación Ferrolterra Antiga; e Roberto Taboada, da asociación veciñal de Canido.

A edil anunciou que coincidindo coa celebración dos Maios, a comezos de maio, estarán colocadas as placas que identificarán os 15 espazos que integran a ruta de Canido, todas elas cun código QR que leva á paxina web https://canidoennomes.eu/. Para dita data celebrarase tamén unha ruta teatralizada.
O barrio “é un dos máis vivos da cidade”, explicou a edil, —cada mes de setembro acolle centos de visitantes polo Festival das Meninas de Canido— e agradeceu a colaboración e “excelente participación” de entidades e veciños, “que aportaron fondos e información de gran utilidade”. Na actualidade o proxecto está a avanzar na recollida de testemuños sobre aspectos como o traballo no campo, cultivos, ocio, a infancia ou sobre a evolución do rueiro de Canido. Neste apartado, por exemplo, “traballouse coa entidade Mulleres Bravas de Canido” con planos e cuestionarios sobre o barrio, e nas próximas datas ampliarase a información “grazas á memoria de veciños de outros colectivos”, indicou Martínez Montero.
Para o análise da toponimia estudáronse nomes de rúas e prazas, moitos con referencias a persoeiros. Ademais da ruta, a páxina tamén recolle unha sección de nomes esquecidos, outra con fondos da memoria dos veciños a partir de testemuños e conversas, de cartografía e un apartado de novas sobre, entre outras cuestións. Para dar a coñecer o proxecto ‘Canido en nomes’, ademais da ruta e os códigos QR, contémplase tamén celebrar charlas, conferencias e editar material con información do barrio. O fin, explicou a edil, “e traballar conxuntamente para divulgar e poñer en valor a historia deste barrio”. Taboada agradeceu ao Concello de Ferrol a súa implicación no proxecto e apuntou que se trata dunha iniciativa “viva” á que se irán sumando novas propostas. Pola súa banda, o historiador Casal lembrou que aglutina a “memoria dos seus veciños” a través de distintas “perspectivas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *