Unha ruta pola toponimia e a historia de Canido a través de códigos QR

O proxecto “Canido en nomes” abriu esta fin de semana a primeira parada dun proxecto que quere recuperar a memoria da veciñanza

ENFOQUES
20 de setembro de 2021

O primeiro dos códigos QR instalouse nas inmediacións da praza de Canido

O proxecto “Canido en nomes”, impulsado pola Asociación Ferrolterra Antiga xunto coa entidade veciñal de Canido e a Asociación Cultural Muíño do Vento, deu esta fin de semana un novo paso no seu afán de recuperar os topónimos e a historia do barrio ferrolán.

O proxecto, presentado o pasado mes de xullo nun acto no que se inaugurou a Canción de Canido, baseado nun poema de Antón Cortizas e interpretado por Joaquín Enríquez e Rocío Rodríguez Padín, estreou o primeiro dos códigos QR que se instalarán polas rúas da barrio para ofrecer unha experiencia interactiva ao visitante. Estes códigos pódense escanear desde teléfonos móbiles para consultar a información relativa ás rúas e lugares do barrio que se compilará na web oficial da ruta.

No acto de colocación deste primeiro código QR participaron representantes das distintas entidades, persoas da “Esquina de Canido” e a concelleira de Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol, Eva Martínez Montero, quen cualificaron o proxecto de “importante para non recuperar só o patrimonio histórico, senón a nosa memoria histórica e cotiá de como era a vida no barrio” e amosou a vontade do Concello de “construír lazos de apoio con este tipo de proxectos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *